O Concello de Ponte Caldelas denuncia un desmantelamento progresivo da Oficina Agraria Comarcal

Ponte Caldelas
21 de agosto 2020

A administración local esixe á autonómica que restableza o servizo que prestaban os axentes forestais un día á semana

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas denuncia que a Xunta está a levar a cabo un desmantelamento progresivo da Oficina Agraria Comarcal radicada no municipio.

A última circunstancia foi suspender o servizo de prestaban os axentes forestais unha vez por semana; despois de que se eliminaron os días de atención público e posteriormente deixáronse de cubrir baixas ou vacacións.

Dita carencia conleva, como explica o Concello, que "para a curta de árbores, os veciños teñen que facer persoalmente un complexo trámite a través de internet que require correo electrónico, certificado dixital ou chave 365; ademais dun seguimento posterior da solicitude". Circunstancia, engade, que afecta a unha maioría de persoas maiores que non dispoñen de ferramentas tecnolóxicas nin coñecementos para usalas.

Este venres enviouse á Consellería do Medio Rural unha carta solicitando o restablecemento do servizo que esta Oficina ofrece aos municipios de Ponte Caldelas, A Lama e Cerdedo-Cotobade.