O Concello de Ponte Caldelas estima en 25.000 euros os beneficios do concurso de tapas

Ponte Caldelas
08 de agosto 2017

El Asador del Chavo venceu nesta terceira edición deste certame gastronómico no que se venderon máis de 10.000 tapas

O alcalde de Ponte Caldelas entrega o premio de Caldelas Tapas
O alcalde de Ponte Caldelas entrega o premio de Caldelas Tapas

Durante todas as noites de venres do mes de xullo celebrouse o Caldelas Tapas, un certame gastronómico que acadou nesta edición a cifra de máis de 10.000 tapas vendidas, superando as 6.000 do pasado ano. Os locais que participaron neste evento chegaron a superar un mínimo de cen tapas cada noite, segundo os datos facilitados polo Concello de Ponte Caldelas.

O impacto económico ascende a máis de 25.000 euros, atendendo só ás tapas vendidas.

Nesta ocasión, a tapa gañadora foi a "brocheta" de solombo ao aroma de vermú con puré de pataca violeta do Asador del Chavo. O alcalde Andrés Díaz abría este martes o sobre no que figuraba o nome do gañador. Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial para o establecemento Alalá, pola tapa "Nenos de mar". O local gañador serviu ao redor de 1.200 tapas nos catro venres durante os que se celebrou o concurso.

O xurado estaba formado polos cociñeiros Pepe Solla, estrela Michelín, e Rubén González xunto a Sergio Orge de El Cafetín, de Pontevedra. Eles foron os encargados de degustar as 16 tapas presentadas durante o mes de xullo.

Segundo os representantes de hostalería, a tendencia é que durante o primeiro venres do certame o público se centre nos establecementos do centro de Ponte Caldelas mentres que a partir do segundo trasládase a zonas máis afastadas.