Ponte Caldelas queda sen Festa da Batalla. Pese a que estaba prevista para dentro de poucos días, 26 e 27 de setembro, o Concello decidiu renunciar á súa organización argumentando falta de previsión orzamentaria e problemas económicos.
"Está é unha decisión que non desexariamos ter que tomar, pero o noso sentido da responsabilidade e a necesidade de non poñer en perigo o equilibrio orzamentario nos fai ter que optar por esta solución", apuntan desde o goberno local encabezado por Andrés Díaz.
O actual rexedor entende que as obrigas económicas derivadas da "mala xestión" de Perfecto Rodríguez "nos obriga a establecer esta paréntese".
O equipo de goberno trasladou esta decisión ás entidades colaboradoras na organización da festa, que recrea a batalla que enfrontou ás tropas francesas cos habitantes da vila en 1809 con motivo da Guerra da Independencia.