O PP de Ponte Caldelas atribúe á falta de capacidade do alcalde a decisión de suprimir a Festa da Batalla

Pontevedra
14 de setembro 2015

Despois de que o goberno tripartito de Ponte Caldelas anunciase a decisión de suprimir a Festa da Batalla, na que sería a súa sexta edición, o grupo municipal do PP criticou dita supresión e defendeuse dos argumentos que o alcalde, o socialista Andrés Díaz, expuxo para xustificar a suspensión

Festa da Batalla en Ponte Caldelas 2014
Festa da Batalla en Ponte Caldelas 2014 / PontevedraViva

O portavoz do PP en Ponte Caldelas e ex alcalde, Perfecto Rodríguez, rexeita os argumentos esgrimidos polo actual rexedor municipal, o socialista Andrés Díaz, para suspender a celebración da Festa da Batalla. Unha convocatoria que rememora a batalla contra os franceses na Guerra da Independencia e que este 2015 chegaría a súa sexta edición.

O actual goberno tripartito xustifica esta decisión na falta de previsión orzamentaria e problemas económicos, derivados da "mala xestión" do anterior alcalde. Perfecto Rodríguez replica estes motivos e sinala que o orzamento da cita festiva rolda os 3.000 euros, polo que "as razóns orzamentarias que alega o novo alcalde son falsas e meras escusas para xustificar a súa incapacidade para organizala".

Atribúe a suspensión a que se carece de colaboradores e medios humanos para a súa correcta celebración.

Lamenta ademais a suspensión, en principio temporal, dada a repercusión económica que ten no municipio caldelano e pola decepción que leva para os veciños que viñeron participando na organización de sucesivas celebracións.