O Concello de Pontevedra mobiliza investimentos por 2,2 millóns de euros antes de acabar o ano

Pontevedra
30 de decembro 2023

O Concello de Pontevedra celebrou onte xoves e hoxe venres dúas reunións da Xunta de Goberno nas que se mobilizaron investimentos por un global de 2,2 millóns de euros

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra celebrou onte xoves e hoxe venres dúas reunións da Xunta de Goberno nas que se mobilizaron investimentos por un global de 2,2 millóns de euros.

Segundo informou en rolda de prensa a portavoz municipal, Anabel Gulías entre os asuntos aos que deu "impulso" o Goberno local atópase o inicio da contratación da zona de xogos da rúa Pintor Laxeiro (198.965 euros) cun período de execución de oito meses ou a proposta de adxudicación da seguridade informática e a robotización das oficinas municipais (por uns 60.000 euros).

Tamén se iniciou este venres o expediente de contratación do proxecto de rehabilitación integral do núcleo de centralidade de Campañó. A obra desenvolverase no primeiro semestre do próximo ano cun importe de 476.078 euros e un prazo de execución de catro meses.

Ademais, con tramitación anticipada, o Goberno do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores empeza coa contratación a renovación e mantemento da iluminación pública no centro urbano sur, unha vez que se completou o proceso de mellora da iluminación pública nas parroquias do rural. 

O prezo  deste contrato ascende a 1.578.347 euros e financiarase integramente mediante un convenio coa Deputación de Pontevedra.

OUTROS ASUNTOS

Nestas Xunta de Goberno tamén se completaron algúns trámites administrativos para poder pechar o presente exercicio como o pago das facturas que estaban pendentes en distintos servizos municipais.

Tamén se deu luz verde á reedición do convenio ata o 2025 co Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, ao que o Concello de Pontevedra destina 60.000 euros.

O equipo de goberno tamén abordou na súa reunión o Plan de Contratación para o 2023, un instrumento interno de planificación que ten como obxectivo mellorar os procesos administrativos.

Anabel Gulías tamén comunicou que nesta Xunta de Goberno estudouse unha proposta da área de Persoal para a provisión de dous postos por mobilidade nas categorías de policía e inspector.