O Concello de Pontevedra presentou este martes 3 de abril o cartel que abre a programación de actividades relacionadas con María Vitoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018. Nel, quedan plasmadas dúas paixóns da escritora: por unha banda o amor que sentía polo ensino, e por outra o seu sentimento relacionado con Galicia.
Como propósito das iniciativas, sinala o concelleiro de Normalización Lingüística Alberto Oubiña, está relacionar á homenaxeada coa cidade. No IES Torrente Ballester, instituto onde a autora exerceu de docente durante case unha década, darase o mércores 4 de abril ás 17.00 horas un acto de homenaxe ao que acudirán as principais autoridades políticas de Pontevedra. Levarase a cabo no evento unha conferencia inaugural a cargo do membro da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, a proxección dun vídeo-homenaxe, unha mesa redonda e a proxección dun conto inédito da autora.
Moreno sentíase "pontevedresa de corazón". Por ese motivo, na programación inclúese o proxecto 'Camiñadas María Vitoria Moreno', que será presentado o venres 6 de abril. Trátase dunha ruta deseñada pola profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña e a escritora Fina Casalderrey, que complementará as xa existentes dedicadas a personalidades como Xoán Manoel Pintos, Castelao ou Martín Sarmiento.
A diferenza da maioría de camiñadas, esta irá máis aló da zona vella pontevedresa. Terá saída na ponte da Avenida de Vigo e percorrerá contornas como Campolongo ou a rúa de Andrés Muruais. Ademais, estará aberta a calquera que queira inscribirse, sen a necesidade de formar un grupo. Para anotarse, é necesario enviar un correo a [email protected] ou chamar ao número do Concello 986804300, marcando a extensión 7107.
Por último, Oubiña anunciou a proxección o xoves 26 de abril dun documental preparado con empresas de comunicación pontevedresas pertencentes ao programa Pontevedra ten un Puntazo. Ese día, ás 20.30 horas no Teatro Principal mostraranse entrevistas a persoas do ámbito persoal da autora, como Alonso Montero, Manolo Bragado ou Antonio Seijas, ademais de imaxes inéditas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.