O Concello de Vilaboa anima a reflexionar sobre a violencia machista o próximo 25 N

Vilaboa
23 de novembro 2020

Haberá unha concentración diante do  Concello, pero dadas as limitacións sanitarias animan aos cidadáns a que saian ao exterior de vivendas e lugares nos que se atopen durante un minuto

Concello de Vilaboa
Concello de Vilaboa

Vilaboa celebrará unha concentración o vindeiro mércores 25N, Día Internacional contra as Violencias de Xénero, diante do Concello. Non obstante as restricións sanitarias, tamén fan que a convocatoria sexa simbólica para evitar a reunión de persoas no mesmo emprazamento.

No seu lugar, a concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, convida á poboación de Vilaboa a que ás doce do mediodía, os veciños saian ás portas das súas vivendas, traballos, centros públicos, establecementos "por un minuto e reflexionar sobre o que cada un e cada unha de nós podemos facer para promover actitudes críticas e de denuncia ás accións que discriminen e denigren ás mulleres".

A concelleira socialista lembra que "non se trata dunha situación allea ao Concello de Vilaboa. Aquí tamén hai mulleres que sofren esa violencia e temos que traballar para crear para elas contornas seguras e darlles a fortaleza coa que poder saír desa escravitude e denunciar aos seus agresores".

Ademais da concentración #ante o Concello e a invitación á poboación nos lugares nos que se atopen, Gallego engade que o goberno local, co respaldo unánime do resto de grupos políticos municipais, dispuxo unha partida propia no orzamento para o 2021 destinada á elaboración dun plan de igualdade con accións concretas.