Varios exemplares de plátanos da Avenida de Bos Aires presentan indicios de agresión e dous deles, próximos á pasarela peonil sobre o Lérez, atópanse practicamente secos. O servizo municipal de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra estudan o estado de saúde destas árbores para saber se tamén están afectadas.
"Parece claro que se trata dun ataque intencionado, posto que os plátanos foron secados mediante a inxección dun produto tóxico e a ferida producida tapouse cunha ramiña para que pasase inadvertida, simulando así a morte natural do exemplar", sostén o concelleiro de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
O edil socialista asegura que o seu departamento trasladará estes indicios á Policía Local para que investigue o que entende como "unha agresión contra o patrimonio vexetal municipal".
Remarca Puentes que "as árbores forman parte do noso patrimonio e ningún cidadán pode actuar de xeito incívico contra elas e tomarse a liberdade de agredilas e matalas en pleno espazo público sen afrontar as correspondentes consecuencias e sancións".
En todo caso, desde este departamento municipal xa traballan na substitución destas dúas árbores por outros exemplares de gran porte.