O Concello denuncia unha agresión letal contra dúas árbores da Avenida de Bos Aires

Pontevedra
11 de maio 2021

O concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, puxo en coñecemento da Policía Local o ataque contra dous plátanos próximos á pasarela peonil sobre o Lérez a través dunha inxección tóxica que os secou

Plátanos da Avenida de Bos Aires secos despois dunha agresión Concello de Pontevedra

Varios exemplares de plátanos da Avenida de Bos Aires presentan indicios de agresión e dous deles, próximos á pasarela peonil sobre o Lérez, atópanse practicamente secos. O servizo municipal de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra estudan o estado de saúde destas árbores para saber se tamén están afectadas. 

"Parece claro que se trata dun ataque intencionado, posto que os plátanos foron secados mediante a inxección dun produto tóxico e a ferida producida tapouse cunha ramiña para que pasase inadvertida, simulando así a morte natural do exemplar", sostén o concelleiro de Medio Natural e Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

O edil socialista asegura que o seu departamento trasladará estes indicios á Policía Local para que investigue o que entende como "unha agresión contra o patrimonio vexetal municipal".

Remarca Puentes que "as árbores forman parte do noso patrimonio e ningún cidadán pode actuar de xeito incívico contra elas e tomarse a liberdade de agredilas e matalas en pleno espazo público sen afrontar as correspondentes consecuencias e sancións".

En todo caso, desde este departamento municipal xa traballan na substitución destas dúas árbores por outros exemplares de gran porte.