O Concello difunde a historia e peculiaridades dos maios en Poio

Poio
29 de abril 2021

A publicación dunha guía, que inclúe imaxes de maios elaborados polos colectivos locais en edicións pasadas, é unha das iniciativas impulsadas como alternativa ao tradicional concurso, que foi suspendido pola situación sanitaria

Festa dos Maios en Poio de pasadas edicións
Festa dos Maios en Poio de pasadas edicións / Concello de Poio

A Concellería de Cultura, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez, procedeu ao longo destes días ao reparto de preto de 2.000 exemplares dunha guía ilustrada sobre os maios en Poio e que recolle imaxes sobre os deseños efectuados en anos anteriores polos colectivos que toman parte habitualmente no tradicional concurso.

Tamén inclúe información sobre a recolección e uso de materiais, cantigas e mesmo unha unidade didáctica. 

Este folleto foi entregado nos centros educativos do municipio, así como en locais municipais, na biblioteca e tamén entre as agrupacións participantes. Tal e como explica a propia edil nunha carta enviada a estas asociacións, esta é unha das fórmulas que forman parte da programación alternativa deseñada por Cultura, ante a imposibilidade de poder celebrar o concurso de Maios, debido á situación sanitaria. 

"Con esta iniciativa queremos agradecer aos colectivos o seu compromiso e o seu labor á hora de manter viva esta tradición en Poio", indica a concelleira do goberno local, que confía en que en 2022 "poidamos recuperar esta cita e, deste xeito, encher o noso municipio de flores e cantigas".

Ademais da publicación desta guía, a Concellería de Cultura aposta por 'Maios á rúa', unha campaña a través da cal se anima á veciñanza, a través das redes sociais, a que decoren as fachadas e balcóns das súas vivendas con adornos de flores recollidas en familia e persoas que sexan convivintes. 

A maiores, seguirá dándoselle visibilidade ao labor feito polas agrupacións en edicións anteriores do concurso dos maios.

Para iso, está previsto que a partires da vindeira semana se expoñan instantáneas de maios en soportes publicitarios situados ao longo da PO-308, de xeito que "tanto a veciñanza como as persoas que visitan Poio poidan coñecer de primeira man o gran traballo realizado polas asociacións e colectivos locais", explica Raquel Rodríguez, entre as que se atopan as asociacións Ronsel, Boureante, Armadiña, EI Saíñas, Maio Vilariño e Maio Fontenla, Maio Maiolo e Mare Podium.