O Concello estudará o posible regreso da feira ambulante dos sábados ao centro da cidade. Así o garantiu a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, ante a petición dos vendedores, que mesmo comezaron a recoller sinaturas para manterse en Campolongo, o espazo no que estiveron estas dúas últimas semanas debido aos Mundiais de tríatlon.
En todo caso, advertiu a edil do BNG, este hipotético traslado "non pode ser inmediato".
O goberno municipal quere abrir un período de consultas con todos os sectores implicados para valorar a posibilidade de cambiar o mercadiño, porque entende que a petición de instalarse en Campolongo, aínda que maioritaria, "non é unánime".
Anabel Gulías entende que, xunto cos contactos que o Concello quere ter cos propios vendedores, "hai máis partes" ás que consultar, entre eles os veciños de Campolongo, e aspectos que valorar como o servizo de limpeza e recollida ou os accesos.
"Tomaremos unha decisión cando teñamos vistas todas as cousas", explicou Gulías, que engadiu que este momento é unha "mala época" para tomar decisións deste tipo.
O PSOE APOIA O TRASLADO
A petición dos ambulantes é apoiada polo PSOE. Os socialistas recordan que o regreso da feira ao centro da cidade é unha "vella reivindicación" deste colectivo e entenden que ante o "tremendo éxito" das últimas semanas é unha proposta que "podería funcionar".
As "vibracións" recollidas polo partido "son moi boas", xa que a asistencia de público foi "moi superior" na súa localización temporal e en Campolongo os feirantes teñen "espazo suficiente" para ampliar o número de postos de venda.
Os socialistas afirman que a "única pega" que os vendedores lle poñen ao traslado é a falta de estacionamento, algo que se comprometen a resolver aprobando no próximo mandato un plan integral para a mellora das zonas de aparcadoiro e a racionalización das áreas de servizos.