O Concello do Grove asume este ano a totalidade do custo da iluminación de Nadal

O Salnés
11 de novembro 2020

O investimento na decoración das rúas para a campaña do Nadal era compartida habitualmente entre a asociación de comerciantes e o goberno local, pero pola situación económica e como medida de apoio decidiron libralos deste gasto

Casa consistorial do Concello do Grove
Casa consistorial do Concello do Grove / PontevedraViva

O Concello do Grove asumirá este ano a totalidade do custo da iluminación de Nadal. En anos anteriores os gastos compartíanse coa Asociación de Comercio Local, pero dadas as dificultades que están a padecer os comerciantes, o goberno local acordou esta decisión como medida de apoio.

Despois dunha "ampla" negociación, o Concello manterá o orzamento de 15.000 euros para a iluminación e a maiores, este ano, engadirán novos elementos ornamentais como unha árbore de 12 metros de alto na rotonda de Ardia e San Vicente, así como outro na Praza de Arriba e a intención de levar a iluminación aos máximos recunchos posibles do municipio.

A instalación das luces prolongarase durante as próximas semanas co obxectivo de inauguralas o 5 de decembro, un día despois do levantamento do peche perimetral para celebrar a chegada do Nadal e a reapertura da hostalería.