O Concello e a Fundación Sálvora unen esforzos para pedir á Xunta a apertura da Casa da Quintán

Ponte Caldelas
10 de maio 2018

A entidade está aberta a un centro de día de maiores, ademais do previsto "respiro" para familias de persoas con discapacidade intelectual

Reunión do alcalde de Ponte Caldelas cos responsables da Fundación Sálvora

A fundación tutelar galega para persoas con discapacidade intelectual Sálvora e o Concello de Ponte Caldelas comparten o obxectivo de poñer en funcionamento, tras 10 anos de completo abandono, a Casa da Quintán, o chalé indiano cedido pola fundación á Xunta de Galicia para a construción dun centro de respiro familiar.

O alcalde, Andrés Díaz, en nome do goberno local, recibiu á directiva de Sálvora, encabezada polo seu presidente, Jacinto Lareo; a secretaria, María José Balirac, e o xerente da Asociación San Xerome Emiliani, membro do padroado da fundación tutelar.

Sálvora cedeu a titularidade do chalé indiano por un período de 25 anos para a súa restauración como centro de respiro familiar de fin de semana e períodos de vacacións das familias con persoas con discapacidade intelectual.

O inmoble foi restaurado pola desaparecida Vicepresidencia do Benestar e no ano 2008 rematáronse as obras e o equipamento interior, todo elo valorado en máis de medio millón de euros. Sen embargo, transcorridos 10 anos, o inmoble non chegou a entrar en uso por razóns que se descoñecen.

A fundación Sálvora é unha entidade sen ánimo de lucro que conta coa clasificación, por parte da Xunta de Galicia, como benéfico-asistencial, privada e de interese galego. O seu obxectivo é informar e asesorar ás familias e responsables de persoas con discapacidade intelectual para tratar de acadar o seu pleno desenvolvemento e benestar. Ao tempo, nos casos nos que é necesario exerce as funcións tutelares por nomeamento xudicial.

Actualmente tutela a 52 persoas en toda Galicia, 49 delas na provincia de Pontevedra.

Andrés Díaz explicou que o pasado mes mantivo unha xuntanza co secretario xeral da Consellería de Política Social na que lle solicitou unha entrevista formal co conselleiro, José Manuel Rey Varela, para formularlle o ofrecemento do Concello de Ponte Caldelas para converterse en axente activo, coa fórmula que sexa precisa, para lograr a apertura da Casa da Quintán.

O alcalde e a Fundación Sálvora analizaron a posibilidade de compatibilizar os usos dun centro de día público para maiores, dotación da que Ponte Caldelas carece actualmente, co centro de respiro para familias de persoas con discapacidade intelectual. A idea foi ben acollida e queda pendente da súa materialización no marco das conversas que tanto o Concello como a fundación manteñen abertas coa Consellería de Política Social.

Durante a xuntanza, nun ambiente moi cordial e de mutuo interese por solucionar o problema e retornar á sociedade o forte investimento realizado, analizouse tamén a posible necesidade de que a Xunta de Galicia realice as obras necesarias para adaptar o inmoble á normativa actual sobre accesibilidade, que ten mudado nestes últimos 10 anos.

O alcalde foi informado por Sálvora do traballo desempeñado neste tempo para tratar de lograr a apertura da Casa da Quintán e anticipou o apoio do Concello, que está decidido a converterse no terceiro socio dun novo proxecto "que non só é desexable, senón tamén necesario para axudar a construír unha sociedade máis xusta e máis solidaria".