Descartan o centro interxeracional que Ponte Caldelas pedía para a Casa da Quintán

Ponte Caldelas
27 de novembro 2019

A Casa da Quintán será unicamente un centro de acollemento residencial para menores en situación de desamparo ou desprotección tutelados pola administración autonómica. Así o confirmou a Xunta de Galicia este mércores, descartando a opción proposta polo Concello de Ponte Caldelas

Casa da Quintán
Casa da Quintán / Concello de Ponte Caldelas

A Casa da Quintán será unicamente un centro de acollemento residencial para menores en situación de desamparo ou desprotección tutelados pola administración autonómica. Así o confirmou a Xunta de Galicia este mércores, descartando a opción proposta polo Concello de Ponte Caldelas, que prefería un centro interxeracional no que tamén se atendera a maiores.

A Xunta considera que esta casa indiana ten a estrutura "idónea" para acoller un servizo destas características e engade que con este centro "dáse resposta" a unha necesidade que existe na provincia de Pontevedra, onde as prazas para esta finalidade se atopan completas.

O inmoble está distribuído en planta baixa e dúas alturas e cunha estrutura de casa familiar, un deseño "que o converte nun recurso ideal para ofrecer un ambiente cálido e acolledor aos menores", segundo o goberno galego, que destaca que a casa dispón tamén dunha ampla zona exterior para realizar actividades ao aire libre.

Estas características técnicas, sinala a Xunta, "non fan posible" a súa convivencia cun centro de atención de persoas maiores, xa que nese caso serían precisos espazos máis amplos dos que non dispón a Casa da Quintán e outra configuración que atendese ás necesidades especiais de accesibilidade que requiren as persoas dependentes. 

"Ningún centro interxeracional combina atención a menores tutelados con atención a maiores", asegura a Xunta, que recorda que o acollemento residencial de menores precisa de ambientes "tranquilos, de convivencia e estabilidade" e que faga "compatible" a escolarización de todos os nenos coa realización de actividades extraescolares e convivencia entre iguais.

Todos os centros interxeracionais que combinan escola infantil e centro de día necesitan, engade a administración autonómica, de entradas e espazos independentes para nenos e maiores dos que non dispón a Casa da Quintán.