A Casa da Quintán será finalmente un centro de menores

Ponte Caldelas
03 de xuño 2021

Así o asegurou o deputado do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos, durante o debate da iniciativa presentada polo PSdeG-PSOE para que este inmoble se destinara centro de maiores como estaba previsto e como reclamaba o goberno municipal

Casa da Quintán
Casa da Quintán / Concello de Ponte Caldelas

Un centro de menores que, segundo o Partido Popular, será "pioneiro" en España polo seu carácter especializado. É o uso que a Xunta de Galicia lle vai a dar á Casa da Quintán de Ponte Caldelas. A licitación para acondicionar o inmoble é inminente.

Así o asegurou o deputado do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos, durante o debate da iniciativa presentada polo PSdeG-PSOE para que este inmoble se destinara centro de maiores como estaba previsto e como reclamaba o goberno municipal.

Pazos, responsable de asuntos sociais no grupo popular, asegurou que é "imposible" combinar a atención a menores tutelados coa atención a maiores, porque o edificio non dispón dos espazos necesarios nin de entradas independentes como requiren este tipo de equipamentos.

"O acollemento residencial de menores precisa de ambientes tranquilos, de convivencia e estabilidade, que faga compatible a escolarización de todos os nenos e nenas coa realización de actividades extraescolares e convivencia entre iguais", explicou o deputado do PPdeG.

A este respecto, engadiu que a disposición desta casa familiar ofrecerá un "ambiente cálido" e acolledor aos menores e destacou que estes poderán dispor tamén dunha ampla zona exterior para realizar actividades ao aire libre.

Este, segundo concluíu Alberto Pazos, é un servizo "necesario" na provincia de Pontevedra, onde as prazas para esta finalidade se atopan completas.

Desde as filas socialistas, a deputada Paloma Castro lamentou que a Xunta aposte por unha "vontade de confrontación" co alcalde de Ponte Caldelas e "desatendan" as necesidades da veciñanza do municipio, que reclamaba un centro de día para maiores na Casa da Quintán.

Castro lamentou a "falta de sensibilidade" do goberno galego e a "discriminación" á que somete a Ponte Caldelas, xa que considera que "non é aceptable" que todos os concellos da contorna teñan un centro destas características "e aquí non reciben resposta".

A deputada do PSdeG-PSOE insistiu que en Ponte Caldelas existe unha vivenda de dúas plantas que están en "condicións óptimas" e que está "pechada a cal e canto", algo que vinculou cunha forma de actuar "clientelar e caciquil" por parte da Xunta de Galicia.

Os socialistas consideran que o "abandono" da Xunta de Galicia converteu nunha "casa pantasma" cando fora cedido polos seus propietarios para un centro de carácter social, algo que Paloma Castro considera unha "absoluta irresponsabilidade".