O Concello e a Xunta restaurarán o petróglifo de Fentáns, vítima dunha agresión vandálica

Cerdedo Cotobade
10 de setembro 2022

O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Xunta de Galicia asinaron un convenio que permitirá a restauración e posta en valor de varios petróglifos, entre eles, os de Fentáns. Cultura achegará uns 30.000 euros para os petróglifos de Laxe dos Cebros, Pedra das Ferraduras, Laxe das Rodas e Portela da Laxe

Petróglifos de Fentáns, situados en San Xurxo e Santa María de Sacos (Cerdedo-Cotobade)
Petróglifos de Fentáns, situados en San Xurxo e Santa María de Sacos (Cerdedo-Cotobade)

O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Xunta de Galicia asinaron un convenio que permitirá a restauración e posta en valor de varios petróglifos do municipio, entre eles, os de Fentáns, que o pasado mes de abril sufriron un acto vandálico. 

Segundo a información facilitada polo Concello, acaba de rematar co proceso de licitación e contratación pública dunha empresa que, baixo supervisión dun arqueólogo, levará a cabo traballos de limpeza, restauración e posta en valor de varios petróglifos declarados monumentos histórico-artísticos de carácter nacional desde o ano 1974.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades achegará uns 30.000 euros destinados a preservar e poñer en valor os petróglifos de Laxe dos Cebros, Pedra das Ferraduras, Laxe das Rodas e Portela da Laxe.

Os traballos licitados consistirán na conservación e restauración das estacións de arte rupestre a través da limpeza e roza do entorno inmediato, baixo control arqueolóxico, para favorecer a súa visibilidade, colocación e reposición de peches perimetrais, realización dunha diagnose do estado de conservación e labores de limpeza, consolidación e restauración dos soportes gravados dos petróglifos.

Tamén se aproveitarán estas intervencións para realizar traballos de documentación e rexistro dos petróglifos mediante o seu levantamento foogramétrico e realización de fotografías nocturnas e tamén toma de imaxes e vídeo aéreo.

Tamén se vai proceder á colocación e/ou reposición da sinaléctica, divulgación nas redes sociais destes elementos da arte rupestre, organización de visitas guiadas e charlas informativas sobre os petróglifos.

Desde o Concello lembran que o val medio do río Lérez, no Concello de Cerdedo-Cotobade, é o lugar de maior concentración de petróglifos de Galicia.