As instalacións da casa consistorial e do Xulgado de Paz de Cuntis contan xa cunha iluminación renovada consistente en lámparas LED de baixo consumo enerxético.
Aproveitando este cambio a brigada de traballadores incorporada á plantilla municipal está a proceder tamén ao pintado interior do Concello así como á realización de diversas actuacións de mantemento.
Esta actuación de mellora da eficiencia enerxética realizouse xa noutras dependencias da Casa do Concello así como noutras instalacións municipais xa que forma parte dunha iniciativa municipal para reducir os consumos e contribuir a paliar as causas que inciden no cambio climático.
Esta substitución estase a realizar con cargo a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, con cargo ao Plan Concellos, por un importe de 18.600 euros.
“O Plan de Emprego da Deputación demostra unha vez máis ser unha ferramenta moi eficiente para os municipios pequenos xa que nos permite acometer con persoal propio tarefas cotidianas que non podemos asumir coa nosa plantilla ordinaria e que se encarecían moito de ter que recurrir á subcontratación”, explica Manuel Campos, alcalde de Cuntis.