O Concello e os empresarios turísticos traballarán nunha ordenanza que controle e regule os excesos da movida

Sanxenxo
08 de agosto 2017

O alcalde e o concelleiro de Turismo de Sanxenxo, Telmo Martín e Jesús Sueiro, reuníronse con representantes de CETS. O encontro celebrouse a petición dos empresarios e tamén se pechou co compromiso de traballar xuntos durante os próximos meses para lograr unha maior presenza do nome de Sanxenxo na Axencia de Turismo de Galicia

O alcalde e o concelleiro de Turismo de Sanxenxo reuníronse con representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos (CETS)
O alcalde e o concelleiro de Turismo de Sanxenxo reuníronse con representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos (CETS) / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo e o Consorcio de Empresarios Turísticos (CETS) marcáronse como compromiso de traballo conxunto para o próximo inverno a posta en marcha dunha ordenanza municipal que controle e regule os excesos da movida nocturna e os comportamentos incívicos de quen participa na mesma. 

Este é un dos resultados da reunión que mantiveron este luns o alcalde e o concelleiro de Turismo de Sanxenxo, Telmo Martín e Jesús Sueiro, con representantes de CETS. O encontro celebrouse a petición dos empresarios e tamén se pechou co compromiso de traballar xuntos durante os próximos meses para lograr unha maior presenza do nome de Sanxenxo na Axencia de Turismo de Galicia. 

Crear, manter e mellorar, no que se poida, eventos de calidade, como o Degusta Tapas e recuperar o Foro de Turismo de Sanxenxo e a súa gala son outras das vías de traballo que seguirán a curto prazo en materia turística en Sanxenxo. 

A reunión serviu para analizar e valorar as medidas postas en marcha este verán para o control da movida. Segundo informou o Concello a través dun comunicado, todos son "conscientes de que queda moito traballo por facer", pero os empresarios fixeron unha valoración positiva do traballo realizado para controlar a movida, os horarios dos locais e o botellón, así como o aumento do persoal da Policía Local este verán. 

CETS insiste na necesidade de traballar en eventos que permitan ampliar a tempada turística. Un deles xa está previsto para a segundo fin de semana de setembro e congregará a miles de persoas en Sanxenxo nunha concentración de motos. Os empresarios "piden e ofrecen todo o apoio posible" á organización.