O Concello de Pontevedra esixe aos titulares do Bar Carabela, ubicado na Praza da Estrela, que fagan unhas sondaxes.
Segundo explicou a tenente de alcalde, Eva Villaverde, o Concello autorizou uns traballos de acondicionamento desta cafetería. Unha vez rematada a reforma a Inspección de Urbanismo acudiu ao local para certificar e comprobar a súa execución "e detectouse que hai obras que non estaban incluidas na licenza".
Trátase da actuación que se realizou nos baixos do propio edificio onde, según a concelleira, "detectaron unha serie de reformas que non estaban incluídas no proxecto nin na licencia que tiñan outorgada", co cal se lle concede un novo permiso para realizar sondaxes, segundo acordou este xoves a Xunta de Goberno.
"Son unhas obras por debaixo do edificio" e hai que determinar "ata onde chegaron, se hai algo para protexer alí ou non, se se percibe que hai algunha cuestión que haxa que ter en conta e en función diso actuar" tendo en conta as "condicións da protección patrimonial que hai nesa zona".
"Se non hai nada, non hai ningún problema, e as obras están ben, haberá que ver de que maneira se legalizan e nada máis", engadiu a voceira municipal.
BALCÓN DO MUSEO
Moi preto de alí, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra tamén abordou a licencia solicitada pola Deputación para reparar o balcón do edificio do museo na rúa Pasantería, que foi golpeado por unha furgoneta.
A licencia pide autorización para poder restauralo, con un orzamento de 10.048,69 euros.