O Congreso dos Deputados ten capacidade lexislativa, lembrou hoxe a edil do BNG Carme da Silva, para que "non quede ningunha dúbida" de que a prórroga concedida a Ence vaise a anular. Pódeo facer tramitando unha modificación da Lei de Costas algo para o que, segundo o goberno municipal de Pontevedra, "non hai que esperar a ningún goberno".
Respecto da proposición non de lei aprobada este mércores no Congreso, Carme da Silva asegurou que é unha "declaración de intencións", polo que insistiu en que o concello espera que "teña máis percorrido" e que esa maioría parlamentaria que apoiou esta iniciativa "utilíce esa mesma maioría" para aprobar un cambio lexislativo.
"Se hai unha maioría non congreso que quere con clareza e firmeza como posicionamento que se derrogue esta prórroga, ten capacidade para facelo", insistiu a concelleira.
Neste asunto fai falta, insistiu, un posicionamento "claro e contundente", algo que só se pode conseguir "cando saia no BOE, que é onde saen as leis".
O BNG, reiterou Da Silva, leva moitos anos "batallando" contra a permanencia de Ence na ría e, neste sentido, "fiamos todo á mobilización social, ao entender que a sociedade pontevedresa oponse "firme e moi maioritariamente" á súa continuidade.
A partir de aí, dixo, o Concello utilizará todos os mecanismos ao seu alcance -sociais, políticos, administrativos e xudiciais- para que se derrogue a prórroga.
"Nós imos seguir por terra, mar e aire para que Ence saia da ría de Pontevedra", concluíu.