Ante a situación que se prolonga do estado de alarma e as dificultades para que a cidadanía se poida achegar ata as oficinas municipais para realizar xestións, o Concello anunciou que se amplían as posibilidades de identificación, no caso de persoas físicas, ao ofrecer a opción de solicitar o contrasinal por vía telefónica.
Desta forma pódense realizar trámites na sede electrónica e substitúese a necesidade de identificación presencial por un cuestionario con datos que manexa a administración e o administrado para acreditar a identidade da persoa solicitante.
Para solicitar este contrasinal é preciso chamar ao número 986.100.185 e solicitar o servizo de obtención de contrasinal para presentación electrónica e posteriormente daránselle as instrucións para a súa obtención.
A administración municipal contactará coa persoa interesada, mediante unha chamada telefónica que será gravada e realizaráselle un cuestionario sobre información coñecida por ambas as partes. Unha vez superada esta fase procederase á expedición do contrasinal.
Con esta medida, o goberno local atende ás medidas que permiten a conciliación da seguridade e saúde da cidadanía e do persoal que exerce funcións públicas coa prestación de servizos públicos, eliminando os trámites presenciais.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.