A concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra, Paloma Castro, segue coa súa rolda de contactos con diversos colectivos da cidade. Despois de facer público o seu compromiso de incrementar a colaborción coa asociación Juan XXIII, a edila fixo o propio este martes coa Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem Galicia).
A primeira medida adoptada polo goberno local pasa pola implicación do Concello nos actos de conmemoración do día nacional destas patoloxías, que será o 15 de novembro, coa iluminación da fachada da Casa do concello con luz vermella na noite do venres ao sábado.
A cooperación con Asem Galicia, que acaba de abrir a súa primeira sede en Pontevedra nas oficinas do antigo edificio da Xunta en Benito Corbal, foi ratificada durante un encontro que Castro mantivo co presidente do colectivo, Manuel Rego; e outros membros da directiva.
A posibilidade de organizar un congreso para dar a coñecer a realidade e necesidades das persoas que sofren este tipo de enfermidades e das súas familias foi unha dos plans expostos nesta primeira toma de contacto.