As tradicionais actividades de lecer infantil que cada Nadal se organizan na Praza de España poderían chegar este ano a outros barrios da cidade. Esa é a proposta que está a estudar a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e este luns trasladoulla á Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe).
Segundo explicou, ten a intención de manter a carpa na Praza de España e levar "esa mesma fórmula ou outra" a diversos barrios.
A concelleira reuniuse co presidente de Aempe, José María Corujo, e outros membros da directiva da asociación e analizou as colaboracións que o Concello e Aempe realizan desde hai anos.
Yoya Blanco garante que estas accións terán continuidade e trasladou aos membros de Aempe a súa intención de priorizar a potenciación do comercio local.
Así, segundo detallou, para ela é "esencial" darlle un pulo ao comercio local tanto nas zonas máis céntricas da cidade como en barrios con moitos negocios como A Parda, Loureiro Crespo ou Monte Porreiro.
A reunión, a primeira que Blanco mantén co colectivo empresarial dende que asumiu o cargo de concelleira de Promoción Económica, foi, para a socialista, "moi frutífera".