O Concello gastará 177.000 euros en solucionar os problemas causados por un corremento de terras na Escola Infantil da Parda

Pontevedra
04 de xaneiro 2024

Segundo informou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, contratouse á empresa Construcións Ramírez para que execute obras por 177.000 euros, para liquidar os problemas causados por un corremento de terras que afectou as canalizacións e pavimento

Escola infantil da Parda
Escola infantil da Parda / Concello de Pontevedra

A Xunta de Goberno Local de Pontevedra aprobou este xoves obras de emerxencia na Escola Infantil da Parda.

Segundo informou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, contratouse á empresa Construcións Ramírez para que execute obras por 177.000 euros, para liquidar os problemas causados por un corremento de terras que afectou as canalizacións e pavimento.

Os temporais provocaron escorrentías e movementos de terras e materiais que obstrúen as canalizacións de evacuación de augas pluviais, provocando filtracións e inundacións no interior das instalacións e con iso o levantamento e deterioro sobre todo do pavimento de madeira. Isto impide o seu uso normal en condicións axeitadas, o que é especialmente importante para nós ao tratarse de nenos de menos de 3 anos.  

Os traballos previstos contemplan o arranxo do perímetro do patio exterior e da zona de pendente da entrada á Escola. Ademais dotarase á instalación dun sumidoiro de recollida de pluviais, e unha gavia de drenaxe. Tamén se repararán os pavimentos danados.

As obras iniciaranse de maneira inmediata.

O alcalde lembrou que xa están en marcha outras obras de emerxencia como son as do Mercado, as do CITA e na Rúa O Santo, na parroquia de Lourizán.