O Concello inicia a aprobación do novo plan de actuación municipal contra incendios forestais

Pontevedra
24 de outubro 2022

Este plan recolle actuacións e procedementos de carácter operativo de como afrontar aqueles incendios forestais que teñen lugar en zonas máis sensibles do municipio, como as zonas que forman parte dese cinto da cidade no que pode haber monte moi preto dos núcleos urbanos

Tarefas de extinción do incendio forestal en Cerponzóns
Tarefas de extinción do incendio forestal en Cerponzóns / Diego Torrado

A portavoz municipal do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, compareceu este luns en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local que levaba na súa orde do día o plan de actuación municipal contra incendios forestais que foi aprobado de manera inicial.

"Este plan é un dos plans sectoriais que forma parte do Plan de Emerxencia Municipal do Concello. Estamos en traballos de actualización e adaptación do mesmo e, sobre todo, a adaptación que corresponde coa estrutura que ten o Platerga, da Xunta de Galicia", informou Gulías.

Este plan recolle actuacións e procedementos de carácter operativo de como confrontar aqueles incendios forestais que teñen lugar en zonas máis sensibles do municipio, como as zonas que forman parte dese cinto da cidade que pode haber monte moi preto dos núcleos urbanos.

Segundo explicou a portavoz, "son cuestións operativas, de cadeas de mando e decisións a tomar. Este é o primeiro dos plans sectoriais que se están a actualizar e segue o procedemento administrativo, que xa foi enviado á Xunta de Galicia para á súa validación e pronto estará dispoñible de xeito público para o período de exposición; logo volvería a Xunta de Goberno e Pleno para a súa aprobación definitiva".

APARTAMENTOS TURÍSTICOS

Na Xunta de Goberno Local deste luns tamén foi aprobada a concesión dunha licenza urbanística de primeira ocupación para unha rehabilitación no edificio número 3 da travesía das Ánimas, co fin de crear apartamentos turísticos. 

Está prevista que ao longo desta semana o Concello emita máis información deste proxecto, xunto con outros movementos e actualizacións urbanísticas.