Para o Concello, as críticas do PP ao elevado volume de adxudicacións directas realizadas polo goberno municipal son unha mostra do "ataque sistemático" que os populares realizan contra empresas de Pontevedra.
Segundo Carme da Silva, o problema para o partido conservador é que o Concello "contrate a empresas de Pontevedra", as beneficiarias desta fórmula de contratación que, lembrou a edil do BNG, é "legal" e que é o "único sistema" que ten o concello para contratar directamente a empresas locais.
O goberno municipal, reiterou Da Silva, seguirá recorrendo ás "fórmulas" que permite a lexislación para facilitar que empresas do municipio sexan as que se fagan coa maior parte dos contratos que licita o Concello. "Cantas máis, mellor", dixo.
A tenente de alcalde lamentou que o PP, "no canto de reforzar" o tecido empresarial de Pontevedra e "promover" que estas empresas da cidade teñan "prioridade" á hora de traballar no municipio, optase por criticar este sistema de contratación.
"Se tanto lles molesta que cambien a normativa", engadiu a concelleira nacionalista, que lembrou que esta vía legal foi aprobada no seu día polo Goberno central.
Para Da Silva, "algo lles pasa para que haxa un ataque sistemático ás empresas de Pontevedra", algo que apuntou que "mesmo o fan" pola vía xudicial. Todo iso, concluíu, ao mesmo tempo que renovan a prórroga a Ence para que permaneza na ría durante 60 anos máis.