A páxina web do Concello de Pontevedra conta desde este luns cunha enquisa pensada para coñecer as inquietudes e a valoración da cidadanía sobre o estado de Monte Porreiro. Esta consulta popular forma parte do estudo previo que contratou o goberno local para a rehabilitación urbana do barrio, que optará a financiarse cos fondos europeos Next Generation.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, foi o encargado de presentar esta enquisa na que calquera veciño de Pontevedra que teña algún tipo de relación co barrio pode participar.
O cuestionario conta con vinte preguntas nas que os usuarios deben valorar a calidade de vida do barrio atendendo aos servizos, zonas verdes, mobilidade, xestión de residuos ou estado de conservación das rúas. Tamén hai preguntas sobre o estado dos bloques de pisos ou vivendas unifamiliares, así como propostas de futuros equipamentos, infraestruturas, paseos ou zonas verdes para o barrio.
"É o xeito máis acaído para que todos os veciños poidan participar", dixo o edil ao presentar a enquisa. A intención do executivo municipal é concluír a redacción deste estudo a comezos do 2022 para poder presentarse á convocatoria de axudas, aínda pendente da súa publicación, da Xunta e do Ministerio para conseguir fondos europeos.
Ademais de adaptarse aos requisitos técnicos, os proxectos financiados coas subvencións Next Generation requiren un apartado de participación veciñal. É por iso que o Concello acaba de habilitar esta enquisa, cuxos resultados e achegas serán tidos en conta á hora de redactar o proxecto.
Aínda que Gómez non descarta presentar outros proxectos a esta liña de axudas, considera que "o barrio de Monte Porreiro é o que mellor encaixa nesta convocatoria".