O Concello leva ao xulgado as expropiacións de Pasarón para reducilas en 600.000 euros

Pontevedra
29 de decembro 2014

A Xunta de Goberno aprobou presentar un recurso contencioso administrativo contra esta taxación do organismo autonómico, que valorou as once parcelas nun total de 1,9 millóns euros, 600.000 máis dos que fixara o Concello de Pontevedra

Terreo sen urbanizar no contorno do estadio de Pasarón
Terreo sen urbanizar no contorno do estadio de Pasarón

As expropiacións de Pasarón chegarán aos xulgados. O Concello de Pontevedra non está conforme coa resolución do Xurado de Expropiacións de Galicia sobre o valor dos terreos que houbo que ocupar para a construción do novo campo de fútbol.

A Xunta de Goberno aprobou presentar un recurso contencioso administrativo contra esta taxación do organismo autonómico, que valorou as once parcelas nun total de 1,9 millóns euros, 600.000 máis dos que fixara o Concello de Pontevedra.

Segundo explicou Agustín Fernández, que este luns actuou como voceiro do goberno municipal, a diferenza entre ambas as dúas cantidades débese a que para realizar esta taxación o Xurado de Expropiacións de Galicia aplica o relatorio de valores do ano 2011, cando debería, segundo a interpretación do Concello, utilizar a de 2005, ano no que se iniciou este proceso expropiatorio.

As parcelas expropiadas suman máis de 4.000 metros cadrados e estaban situadas entre o campo de fútbol e a avenida da Coruña.