A falta de espazo para garantir o cumprimento da distancia de seguridade está a marcar o inicio do curso dalgúns centros educativos. É o caso do IES Valle Inclán, que tivo que reorganizar todos os seus grupos e aulas para poder acatar a nova normativa antiCovid. Con este obxectivo, a directiva do centro, a través da Consellería de Educación, solicitou ao Concello de Pontevedra a cesión dun espazo no exterior do instituto para poder levar a cabo as clases de Educación Física.
Despois de analizar a petición, o goberno local acordou a cesión dunha ampla parcela no Paseo de Monterio Ríos, fronte á entrada principal do centro educativo, que será de uso exclusivo do alumnado, que en cursos anteriores xa facía uso do Paseo das Palmeiras para a execución dalgúns exercicios.
O espazo quedará acordoado para a celebración destas sesións, polo que os peóns terán que circular polas marxes laterais da zona da Alameda ou por diante da fachada do instituto. A zona central do paseo quedará reservada para a comunidade educativa.
Esta restrición afectará tamén á vida diaria da cidade, debido a que desde o Concello asumen que non se poderá organizar ningún acto nestes espazos durante as xornadas lectivas.
A cesión do espazo farase oficial na próxima Xunta de Goberno, prevista para o luns 5 de outubro.