O Concello non admite a trámite a solicitude do PERI de Elnosa e insiste en que está fóra de ordenación

Pontevedra
08 de agosto 2016

O motivo de inadmisión é, en concreto, que Elnosa non cumprimentou toda a documentación que se lle requiría. Déranlle un prazo de dez días para emendar esas deficiencias, pero nese tempo non se entregou nada, de modo que a solicitude se inadmite. Raimundo González lembra que esta solicitude incumpre o Plan Xeral de Ordenación Urbana, o Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio

Vista aérea da fábrica de Elnosa
Vista aérea da fábrica de Elnosa

O Concello de Pontevedra decidiu inadmitir a trámite a solicitude da empresa Elnosa para aprobar o plan especial de reforma interior (PERI) da fábrica de Lourizán e, desta forma, poder manterse na súa actual localización. Sostén a administración local que a firma cloreira non presentou toda a documentación necesaria e a solicitude presentada non se axusta á ordenación. 

Segundo informou o portavoz do goberno local, Raimundo González, o asunto abordouse na Xunta de Goberno local deste luns. O Concello xa advertira que a solicitude de Elnosa non incluía todo o ámbito no que se integra en Lourizán, senón que se presentou un PERI exclusivamente para a súa área e non para todo o espazo, isto, é incluíndo á pasteira Ence. Agora, hase inadmitido de forma definitiva.

O motivo de inadmisión é, en concreto, que Elnosa non cumprimentou toda a documentación que se lle requiría. Déranlle un prazo de dez días para emendar esas deficiencias, pero nese tempo non se entregou toda a documentación necesaria, de modo que a solicitude se inadmite. 

Ademais, Raimundo González lembra que esta solicitude  presentada en xuño deste ano 2016 incumpre distintas normas, tanto o Plan Xeral de Ordenación Urbana como o Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio

Tras este novo trámite, o goberno local  reitera que "o que agardamos é que se vaia no 2018, cando se lle acabe a concesión"  para permanecer en Lourizán, de modo que "poucas cousas hai que falar". 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en