Nin o pago do imposto en cinco prazos nin bonificacións para familias numerosas. O goberno municipal non modificará o cobro do IBI, tributo que pagan os propietarios dos bens inmobles. Así o acordou este luns a Xunta de Goberno.
Rexéitase así a moción aprobada no último pleno da corporación, co voto a favor de todos os partidos da oposición, que instaba o goberno municipal a estudar eses dous cambios na tributación do IBI.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, explicou que o Concello apela a un informe técnico por parte da tesourería municipal e o órgano de xestión orzamentaria, que informou desfavorablemente ás dúas medidas que solicitaban Marea, PSdeG-PSOE, Cidadáns e Partido Popular.
O documento conclúe que o fraccionamiento en cinco pagos do imposto do IBI é "de moi difícil cumprimento" polos prazos -ao entregar o Catastro o padrón en marzo- e que os medios técnicos dos que dispón o servizo fai que sexa "imposible" aplicalo.
Con respecto ás bonificacións para familias numerosas, o argumento é similar. O informe detalla que cos medios técnicos e humanos que ten este servizo municipal estas deducións son "inexecutables".
Ante esta conclusión, a Xunta de Goberno rexeita cambiar o cobro do IBI ao supoñer, por unha banda, un gasto para as arcas municipais e, por outro, ao entender os técnicos que non se pode aplicar coas ferramentas actuais que teñen á súa disposición.