O Concello, obrigado a pagar medio millón de euros por un pequeno terreo fronte ao IES Torrente Ballester

Pontevedra
27 de setembro 2024

A tenente de alcalde, Eva Villaverde, asegurou que "polo de agora non hai nada previsto aí"

Terreo na rúa Bibiano Osorio Tafall
Terreo na rúa Bibiano Osorio Tafall

O Concello de Pontevedra pagará 525.011 euros ao propietario dun solar de 480 metros cadrados situado fronte ao IES Torrente Ballester.

Segundo informou este xoves a tenente de alcalde, Eva Villaverde, o dono deste solar solicitou a expropiación por ministerio da lei desta parcela situada na rúa Bibiano Fernández Osorio Tafall.

Trátase dunha posibilidade contemplada no Plan Xeral de Ordenación Municipal para aqueles terreos privados que están catalogados como zonas verdes e que son de interese xeral. 

Nun primeiro momento, os técnicos do Concello valoraran a leira en 217.600 euros,  pero o propietario non estivo conforme con esta cantidade e recorreu o prezo xusto ao Xurado de Expropiacións de Galicia, que determinou que os terreos custan máis que a taxación municipal, elevando a cantidade final a pagar a máis de medio millón de euros, incluíndo os intereses de demora.

Eva Villaverde confirmou que o Concello acatará a decisión do Xurado de Expropiación de Galicia e abonará os máis de 300.000 euros que faltaban por pagar.

A tenente de alcalde tamén asegurou que "polo de agora non hai nada previsto aí".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora