O Concello ofrece o seu apoio ás comunidades de montes afectadas polo Parque Eólico Serra da Fracha

Pontevedra
16 de maio 2023

Representantes das comunidades de montes de Marcón, Canicouva e Ponte Sampaio reuníronse este martes co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para falar do proxecto de instalación do Parque Eólico Serra da Fracha

Reunión cos representantes das comunidades de montes afectadas polo proxecto de instalación do Parque Eólico Serra da Fracha
Reunión cos representantes das comunidades de montes afectadas polo proxecto de instalación do Parque Eólico Serra da Fracha / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto cos edís Alberto Oubiña e Raimundo González, ademais da técnica de Montes, María Formoso, e o director xeral, Xosé Manuel Tato Camino, mantivo unha reunión este martes cos representantes das comunidades de montes de Marcón, Canicouva e Ponte Sampaio (a de Tomeza desculpou a súa ausencia por incompatibilidades laborais), tendo como principal obxectivo ofrecer toda a colaboración posible desde o Concello de Pontevedra durante o proceso de alegación pública do Parque Eólico Serra da Fracha.

Este parque eólico, que se situaría no monte da Fracha, afecta ás comunidades lindantes e ao Parque Forestal que o Concello acondicionou neste monte. 

"Desde o Concello consideramos que cómpre elaborarse unha estratexia de País no relacionado coa enerxía eólica", sinalou o rexedor. 

Lores considera necesario establecer mecanismos desde as administracións competentes, Xunta e Estado, "para asegurar un correcto aproveitamento e ordenación do monte e evitar macroconstrucións sen ton nin son que só benefician os petos duns poucos e prexudican á veciñanza da zona".

O alcalde lembrou que o Concello presentará as súas alegacións contra este proxecto ao "bater contra a liña de flotación do Parque Forestal da Fracha, poñendo en risco as plantacións e prexudicando a fauna e a flora de toda a zona". 

Ademais, a administración local comprométese a axudar á resolución de calquera dúbida por parte das comunidades de montes no proceso de presentación de alegacións, poñendo a disposición das mesmas todos os recursos municipais posibles.