O Concello pagou 12 millóns de euros en facturas no primeiro trimestre

Pontevedra
08 de maio 2018

É, segundo Raimundo González, a contía maior nun primeiro trimestre desde que existen rexistros. O pasado ano, estes pagamentos ascenderan a 10,7 millóns. O prazo medio de pago foi de 37,48 días fronte aos 60 días de tempo máximo que permite a normativa vixente

Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra
Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra / Gabriela Varela Asorey

Nos tres primeiros meses do ano, ata o pasado 31 de marzo, o Concello de Pontevedra pagou 2.052 facturas aos seus provedores por unha contía de 12 millóns de euros.

É, segundo Raimundo González, a contía maior nun primeiro trimestre desde que existen rexistros. O pasado ano, estes pagamentos ascenderan a 10,7 millóns.

Dos 12 millóns pagados, só 200.000 euros corresponden a facturas do Pazo da Cultura e Turismo de Pontevedra, é dicir, que 11,8 millóns foron pagados polo Concello.

O prazo medio de pago foi de 37,48 días fronte aos 60 días de tempo máximo que permite a normativa vixente. Tamén neste parámetro rexistrouse unha diminución significativa xa que, por exemplo, no cuarto trimestre do pasado ano a media superara os 50 días.

Este balance trimestral de morosidade proba, destacou o edil de Facenda, que "cumprimos cos prazos e pagamos con relativa axilidade".