O Concello pide aos hostaleiros corrixir "desaxustes" coas súas terrazas

Pontevedra
29 de setembro 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que "hai desaxustes que podemos observar todos", entre eles, un volume excesivo de veladores nalgúns puntos ou terrazas que dificultan a circulación dos peóns

Unha terraza da cidade de Pontevedra
Unha terraza da cidade de Pontevedra / Alejandro Vila

A través dunha carta que o Concello remitirá a todos os hostaleiros da cidade, o goberno municipal pedirá a colaboración do sector para corrixir "pequenos desaxustes" que se detectaron na instalación das terrazas, especialmente no centro histórico.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que "hai desaxustes que podemos observar todos", entre eles, un volume excesivo de veladores nalgúns puntos ou terrazas que dificultan a circulación dos peóns.

Por iso é polo que, pasada a pandemia na que, segundo lembrou o alcalde, "houbo certa laxitude porque o sector o estaba pasando mal", o Concello entende que os establecementos deben volver axustarse á normativa aprobada para "mellorar o espazo público".

"Estou convencido de que vai a colaborar todo ou mundo", sostivo Fernández Lores, que felicitou a toda a hostalería local pola súa colaboración e polo seu traballo no que foi, ao seu xuízo, "o mellor verán da historia de Pontevedra".

Na carta, o Concello lembrará aos hostaleiros as súas obrigacións en materia de limpeza e recollida de veladores ou ocupación do espazo público ou as prohibicións vixentes, como interromper os itinerarios peonís ou a presenza de publicidade nos veladores.

Ademais, tamén subliñarán que se debe protexer entre todos o dereito ao descanso dos cidadáns, especialmente dos que viven nas zonas con maior presión de veladores.

As terrazas da hostalería, reiterou o alcalde, "dánlle vida a cidade e animan o espazo público" e cre que, en xeral, "funcionan correctamente", polo que confía nesta vía de "diálogo e confianza" para respectar a regulación existente.

"Todos saben o que poden non estar cumprindo e esta é unha chamada a que se retome ese coidado do espazo público unha vez pasada esa fase de laxitude da pandemia", segundo Lores, que agradece o atractivo que esta actividade ofrece á cidade.

Esta medida, sentenciou, adóptase para que "a imaxe da cidade siga sendo a mellor posible".