Ata principios de xullo o Concello de Pontevedra aceptará suxestións dos cidadáns para deseñar a nova ordenanza de mobilidade. Farao, principalmente, a través dun formulario que xa está activo a través da web municipal.
Trátase dun trámite que, segundo o concelleiro Demetrio Gómez, busca que os pontevedreses acheguen cuestións que se deberían incluír nunha normativa que pretende regular aspectos específicos do modelo urbano de Pontevedra que non se inclúen nas leis de tráfico.
O edil engadiu que o obxectivo é que a cidade se dote dunha ferramenta "sinxela e fácil de entender" para ordenar a convivencia dos diferentes tráficos que se rexistran nos espazos urbanos de Pontevedra.
Ademais da consulta a través da web, o goberno municipal dirixiuse directamente a numerosos colectivos para informarlles da apertura deste proceso e solicitar a súa colaboración para aprobar unha ordenanza consensuada.
Así, convidouse a sindicatos, asociacións de empresarios, comerciantes, hostaleiros e consumidores, a colectivos profesionais como taxistas e empresas de transporte público, á federación de ANPAS, a usuarios "especializados" como agrupacións ciclistas ou asociacións de persoas con mobilidade reducida.
No seo da comisión municipal de Mobilidade, tamén se consultou cos partidos políticos con representación na corporación. Todos eles pediron un prazo de tempo para presentar por escrito as súas suxestións.