O Concello pide "sentidiño" á Xunta fronte ás medidas "incomprensibles" que adopta para frear a covid-19

Pontevedra
16 de agosto 2021

Desde o Concello recoñecen estar "moi desconcertadas" pola actitude da Xunta nas últimas semanas e en especial a raíz do DOG publicado a semana pasada coas novas medidas para a hostalería, un boletín "chapuceiro" que "nos deixa a todos nunha situación complexa"

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra empregou este luns a palabra "sentidiño", utilizada pola Xunta de Galicia como eixo da súa campaña de turismo seguro fronte á covid-19, para pedirlle á Administración autonómica que se aplique o conto e empregue ese "sentidiño" na xestión da pandemia. 

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, quixo facer público o posicionamento do Concello ante as últimas medidas adoptadas pola Xunta unha vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) botou por terra a petición dos certificados covid para acceder á hostalería dos municipios en niveis alto e máximo e sinalou que son "incomprensibles". 

Desde o Concello recoñecen estar "moi desconcertadas" pola actitude da Xunta nas últimas semanas e en especial a raíz do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado a semana pasada coas novas medidas, un boletín "chapuceiro" que "nos deixa a todos nunha situación complexa". 

Gulías criticou o momento no que se publicou ese DOG, pois "non é de recibo sacar un DOG o venres ás once da noite para entrar en vigor unha hora máis tarde". Esta entrada en vigor tan precipitada podería entenderse, segundo a voceira municipal, "nos primeiros momentos" da pandemia, nos que o Concello foi "leal" aos gobernos autonómico e estatal, pero non agora mesmo. 

Para o Concello, "levamos tempo vendo como a Xunta toma decisións en función de bandazos e pataletas" e, na súa opinión, "non é de recibo", por iso é polo que piden medidas "sinxelas", "claras" e fáciles de comprender para o conxunto da poboación. 

Tal e como insiste, ven na Xunta medidas nas que "non hai ningunha congruencia" e nas que se ve prexudicado "un sector que o está pasando mal", o da hostalería e o lecer nocturno. Anabel Gulías asegura que a recente actuación da Xunta é unha "chapuza reprochable desde o punto de vista lexislativo" e pide ese "sentidiño" porque "se xoga co pan" de moita xente. 

"É o momento de esixirlle á Xunta o que eles esixiron todo este tempo: sentidiño, sentidiño para lexislar, e de dotar con recursos para combater a pandemia, e de tomar decisións que afectan á cidadanía. Como mínimo, a lo menos, tempo, para ler o DOG", afondou a voceira pontevedresa.