A concellería de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra pon en marcha un servizo de asesoramento para autónomos e pequenas empresas para que resolvan todas as dúbidas derivadas das medidas do estado de alarma.
Os interesados poden poñerse xa en contacto co departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco por vía telefónica ou a través do correo electrónico [email protected].
A concelleira explica que, dentro das súas competencias, o servizo de Promoción Económica está xa traballando para paliar o impacto da crise e "botar unha man no proceso de recuperación no tecido de autónomos e empresarios".
Ademais da campaña de asesoramento, a socialista asegura que "xa estamos a traballar en campañas de fomento das empresas e do comercio local para cando remate o estado de alarma".