A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, ten previsto poñer en marcha antes de que remate o ano un conxunto de actuacións destinadas á mellora paisaxística e creación de áreas de estancia e sombra na zona verde situada no entronque da rúa Joaquín Costa coa rotonda de 12 de Novembro, presidida por unha palmeira e unha fonte.
En base á memoria valorada elaborada por Diego Pereira, enxeñeiro de Montes da firma Viveiros Acroa, o proxecto, que suporá un investimento de 48.546 euros, contempla a posta en valor dos elementos existentes e integración deste parque na contorna coa creación dun camiño que artelle o espazo oeste-leste.
As actuacións permitirán incrementar a capacidade de acollida e confort desta zona verde cun banco corrido arredor da palmeira e de bancos accesibles distribuídos entre as árbores no bordo do camiño, dotarase a esta zona dunha acaída composición de xardinería, así como de instalacións de rega.
A intervención está incluída na última modificación de crédito aprobada polo Concello e ten un prazo de execución previsto dun mes e medio desde o inicio dos traballos.