O Concello prepara o novo curso cos centros educativos e anuncia que volverá asumir tarefas de desinfección

Poio
16 de setembro 2021

A concelleira de Educación mantivo unha reunión o martes cos responsables dos colexios e do IES de Poio e explicou que aínda que esas tarefas de desinfección deberían ser realizadas pola Xunta de Galicia, o Concello vainas asumir porque "son indispensables para garantir a seguridade neste contexto no que nos atopamos"

Reunión da concelleira de Educación cos responsables dos centros educativos de Poio
Reunión da concelleira de Educación cos responsables dos centros educativos de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio reafirmou esta semana a súa aposta polos centros educativos do municipio á hora de asumir tarefas como a desinfección das instalacións para previr a expansión da covid-19. 

A concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez Alonso, mantivo unha reunión o martes cos responsables dos colexios e do IES de Poio e, despois da xuntanza, explicou a través dun comunicado que aínda que esas tarefas de desinfección deberían ser realizadas pola Xunta de Galicia, o Concello vainas asumir porque "son indispensables para garantir a seguridade neste contexto no que nos atopamos".

"Seguiremos a liña trazada durante o pasado curso, no que xa o Concello levou a cabo estes traballos, pese a non contar con ningunha axuda específica por parte da Administración autonómica", afondou.

A reunión da concelleira de Educación cos responsables dos centros educativos serviu para darlles a benvida neste inicio de curso 2021-2022 e para explicar e analizar as diferentes iniciativas e actuacións que se desenvolverán nos centros educativos ata o vindeiro mes de xuño.

Segundo informou o Concello, seguirase a liña de anos anteriores, apostando por citas nas que acaden protagonismo eidos como o da cultura, o medio ambiente e a normalización lingüística, entre outros.

A concelleira de Educación incide na importancia de manter esta oferta, habida conta da gran resposta que houbo tanto por parte do profesorado como do alumnado durante edicións anteriores, incluído o curso 2020-2021, no que foi preciso adaptar a realización das actividades ao contexto sanitario.

Raquel Rodríguez tamén tomou nota de necesidades dos centros educativos, entre elas, reformas ou dotación de persoal, para trasladalas á Xefatura Territorial de Educación nunha reunión que confían en ter en próximas datas.