O Concello recoñece que haberá unha prórroga "moi pequena" nas piscinas de Campolongo

Pontevedra
25 de xuño 2018

A tramitación administrativa do novo contrato de xestión das piscinas de Campolongo non terminará antes do 30 de xuño, data na que vence a vinculación -xa prorrogada en numerosas ocasións- da actual concesionaria, Serviocio

Exterior das Piscinas de Campolongo
Exterior das Piscinas de Campolongo / Mónica Patxot

A tramitación administrativa do novo contrato de xestión das piscinas de Campolongo non terminará antes do 30 de xuño, data na que vence a vinculación -xa prorrogada en numerosas ocasións- da actual concesionaria, Serviocio.

O goberno municipal recoñece que é "evidente" que haberá que aprobar unha prórroga "moi pequena" para que as instalacións non queden sen servizo. O responsable de contratación, Raimundo González, explicou que esta ampliación de contrato " non debería" exceder o mes de duración.

A mesa de contratación reunirase este mércores, a partir das nove da mañá, para analizar o informe técnico sobre as propostas remitidas polas seis empresas licitantes.

Así, este documento valora o anteproxecto de obra presentado polas compañías que inclúe, entre outras cuestións, as solucións construtivas, o peche perimetral das instalacións, a iluminación do complexo deportivo, a superficie destinada a actividade deportiva ou os prazos de execución das obras de reforma integral.

Ademais, tamén se revisa o proxecto de xestión e explotación que se centra na integración das novas tecnoloxías, os recursos humanos, o equipamento deportivo, os servizos complementarios ou as medidas ambientais.

Nesta mesma reunión abrirase o sobre coas ofertas económicas das empresas.

CONTRATOS DE SEGUROS

A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda, sacar a contratación por dous anos, a razón de 116.000 euros, os seguros do parque de vehículos do concello. Ademais, licitarase por 130.000 euros o seguro de responsabilidade civil. Contratarase tamén por dous anos.