O Concello recorda que a normativa de 'lombos' aprobouse en febreiro "e non foi alegada por ninguén"

Pontevedra
10 de xullo 2019

A maiores desta normativa, Mosquera fixo público un estudo do experto en mobilidade Fernando Nebot, que rexeita que se habiliten vías sanitarias libres de 'lombos' e recomenda "conducir a modo" para non provocar problemas aos pacientes "que é máis importante que os supostos segundos que se poidan gañar"

César Mosquera, edil de Infraestruturas
César Mosquera, edil de Infraestruturas / Cristina Saiz

Pontevedra conta desde o pasado mes de febreiro cunha instrución que regula, entre outras cuestións, a instalación de 'lombos' no municipio.

Foi publicada no Boletín Oficial da Provincia e, segundo lembrou o edil de Infraestruturas, César Mosquera, non foi alegada nin recorrida "por ninguén", entre eles " nin sequera" polo Partido Popular.

"Crimos que era un asunto que xa estaba superado", sinalou Mosquera en rolda de prensa, ante o anuncio de que o PP trasladará ao pleno unha moción na que reclamará a creación de vías sanitarias libres destes elementos de acougado de tráfico.

O concelleiro do BNG entende que é un "quentón" provocado porque os populares están "mirando para Madrid" e para o que ocorre con Madrid Central, sen darse conta que esta normativa leva en vigor cinco meses.

A maiores desta normativa, Mosquera fixo público un estudo do experto en mobilidade Fernando Nebot, que rexeita que se habiliten vías sanitarias libres de 'lombos' e recomenda "conducir a modo" para non provocar problemas aos pacientes "que é máis importante que os supostos segundos que se poidan gañar".

O estudo, que consta de case trinta páxinas, conclúe que os "principais efectos non desexados" no transporte sanitario prodúcense polas aceleracións dos vehículos de emerxencia, polo que insta a realizan unha condución "suave e constante", elixindo rutas que teñan unha menor intensidade de tráfico e unha maior calidade no asfaltado.