O Concello remata a rehabilitación da principal vía de conexión de Lourizán

Pontevedra
12 de setembro 2018

O alcalde visitou Matos da Trepa, entre Carballeira e Regueiriño, para ver o resultado da última fase de reforma desta vía, que tivo un custe total superior ao millón de euros

Remate das obras en Matos da Trepa, Lourizán Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, visitaron esta tarde o remate dos traballos de mellora de Matos da Trepa, na parroquia de Lourizán. Trátase do tramo que une a Carballeira co Regueiriño.

Con esta intervención queda totalmente rehabilitada a conexión principal da parroquia de Lourizán, que o Concello decidiu facer por fases nos últimos anos, cun investimento global que supera o 1,2 millóns de euros.

Esta última intervención foi nun tramo duns 950 metros lineais onde acometeu a rehabilitación integral do firme, a canalización das augas pluviais, calmado de tráfico e rehabilitación dunha vía lateral.

O orzamento desta parte final foi de 211.832 euros, e o goberno local salienta que foi consensuada cos veciños que fixeron achegas ao proxecto municipal.