O pasado mes de xuño, a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo habilitaba un punto de información no Concello, posto a disposición da cidadanía para ofrecer asesoramento e tramitar peticións relacionadas coa dotación de fibra óptica.
Desde a súa posta en marcha, xa se levaron a cabo preto de 40 xestións, tal e como sinala o concelleiro do Goberno municipal.
O Concelleiro Gregorio Agís salienta a importancia de ofrecer este servizo, ante o incumprimento por parte de Telefónica á hora de dotar a conexión de alta velocidade en todo o municipio.
Tal e como figura no informe elaborado polos técnicos municipais, practicamente o 100% destas xestións teñen que ver coa ausencia de fibra en diferentes puntos das cinco parroquias de Poio, "se ben tamén hai algún caso no que se denuncia o mal funcionamento do servizo", puntualiza o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo.
Preto da metade destas reclamacións foron realizadas pola veciñanza de Samieira (10) e San Xoán (8). "As zonas do rural son as máis afectadas pola situación provocada pola empresa", sinala Gregorio Agís, que lembra que o Plan Sectorial de Despegue de Banda Ancha establece que Telefónica debe garantir o servizo no 100% do territorio antes de que remate 2021. Neste sentido, o concelleiro do PSdeG-PSOE explica tamén que "a mediados do pasado mes de outubro remitimos un escrito á empresa, no que, ademais de trasladarlle as solicitudes dos e das particulares, tamén reiteramos a total predisposición por parte do Concello de Poio á hora de solucionar esta problemática". Agís lamenta a ausencia de resposta por parte da entidade privada.
Nos últimos meses, o Concello de Poio levou a cabo diferentes tramitacións para fomentar a libre competencia na dotación de fibra óptica. A Xunta de Goberno Local aprobou a mediados de 2021 un proxecto de rede aberta, en aras de garantir a igualdade de condicións a todos os operadores de telecomunicacións. "Así nos aseguramos de que as empresas interesadas partan dun inicio equitativo, ao mesmo tempo que garantimos a sostibilidade e o respecto polo medio ambiente no que á instalación se refire", sinala o responsable de Promoción Económica e Urbanismo, que tamén sinala que o punto de atención presta asesoramento todos os xoves, de 12.00 a 14.00 horas, no Consistorio.
"É importante que as persoas afectadas reclamen", incide Agís, que lembra que en outubro Movistar procedeu a instalar a fibra no lugar de Arén, en Samieira, onde "xa constaban queixas previas". O concelleiro socialista recalca que "na actualidade dispor deste servizo é un dereito imprescindible para a cidadanía, máxime tendo en conta o contexto derivado da COVID-19, no que as ferramentas telemáticas e ‘on line’ pasaron a ter un maior protagonismo".