O Concello de Pontevedra iniciou os trámites para a resolución do contrato coa empresa Linorsa para a limpeza das instalacións deportivas do pavillón multiusos da Xunqueira.
Así o decidiu a xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) ao entender que esta compañía incumpriu as cláusulas recollidas no contrato asinado en outubro de 2014, segundo explicou a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
Aínda que as dúas traballadoras deste servizo están ao corrente nos seus pagamentos, o Concello recibiu o pasado 12 de abril unha notificación da Seguridade Social relativa ao embargo que pesa contra a empresa polos pagos que ten pendentes ata cubrir o importe da súa débeda, que ascende a 179.593,65 euros.
As cláusulas do contrato de Linorsa inclúe entre as obrigas "estar ao corrente, en todo momento, das obrigas da Seguridade Social", polo que o goberno municipal entende que o contrato ten que resolverse.
A resolución do IMD propón a incautación da garantía do contrato, que tiña unha vixencia de dous anos prorrogables a outros dous, dado que a resolución é por causa imputable ao contratista. O importe da garantía ascende a 4.212,36 euros.
Agora a empresa terá dez días para presentar alegacións a esta decisión. En todo caso, o goberno municipal asegura que o proceso pode prolongarse durante arredor de dous meses, un tempo no que ten que seguir prestando un servizo que lle custa uns 4.000 euros ao mes ás arcas municipais. Tras a súa resolución, o contrato volverá a saír a adxudicación.