O Concello sitúa a "un grupo dirixido polo PP" detrás do boicot da Policía Local ao pregón

Pontevedra
13 de agosto 2018

A protesta protagonizada ao mediodía do sábado por un grupo de sindicalistas e axentes da Policía Local de Pontevedra durante o acto de lectura do pregón que inaugura as festas da Peregrina foi, a xuízo do goberno local, unha acción orquestrada polo Partido Popular para "afear" o inicio dos festexos locais  

Pregón da Peregrina da xornalista María Varela nun acto con protestas de axentes da Policía Local
Pregón da Peregrina da xornalista María Varela nun acto con protestas de axentes da Policía Local /

A protesta protagonizada ao mediodía do sábado por un grupo de sindicalistas e axentes da Policía Local de Pontevedra durante o acto de lectura do pregón que inaugura as festas da Peregrina foi, a xuízo do goberno local, unha acción orquestrada polo Partido Popular para "afear" o inicio dos festexos locais

Así o denunciou a concelleira de Festas, Carme da Silva, este luns nunha rolda de prensa na que quixo "pedir desculpas" aos pontevedreeses e visitantes que o sábado acudiron ao pregón na praza da Pedreira e atopáronse con este incidente, que tacha de "bastante desagradable". 

Da Silva nega que se tratase dunha protesta da Policía Local de Pontevedra, senón que a circunscribe a "un grupo dirixido polo Partido Popular" que se concentrou e dificultou a lectura do pregón por unha serie de demandas que ela considera que son "independentes" das negociacións que o goberno local mantén cos sindicatos e trátase unicamente de "unha acción política dirixida". 

Moi crítica coa protesta e visiblemente enfadada, a edil de Festas asegurou que "podo entender" que ese mesmo grupo de persoas acudisen meses atrás a unha cea do BNG no Pazo da Cultura, pois "entra dentro do xogo político", pero ve "difícil de entender" que se afeou o pregón ou que irrompesen na festa da compostaxe celebrada en Eduardo Pondal, que tiña actividades dirixidas a nenos. 

Ademais, criticou o "sorriso" que asegura que tiña o portavoz municipal do PP, Rafael Domínguez, mentres desde o balcón do Pazo de Mugartegui se tentaba falar e o "abrazo" entre o concelleiro 'popular' César Abal e o portavoz sindical Antonio Millares, que cre que "foi clamoroso" e que demostra que "estaban encantadísimos".

A preguntas da prensa sobre as graves acusacións realizadas contra o PP, Da Silva reafirmouse en que "teño constancia de que o Partido Popular dirixe políticamente estas actuacións" e que este grupo político "estaba feliz" co resultado do pregón