O Concello solicitou retirar unha fotografía dos Reis Magos na praza de touros

Pontevedra
07 de xaneiro 2016

Unha fotografía dos Reis Magos na praza de touros cunha felicitación da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra xerou malestar no Concello e solicitou que fose retirada

Os Reis Magos na praza de touros de Pontevedra
Os Reis Magos na praza de touros de Pontevedra

Como cada cinco de xaneiro, a xornada comeza pronto para os Reis Magos. En Pontevedra, o punto de partida é a praza de touros, onde en virtude do convenio que teñen subscrito o Concello e a empresa Lozano, albérganse os cabalos ou camelos que participan no periplo Real.

Neste emprazamento, a Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra, desde o seu perfil de Facebook, felicitou a data, como vén sendo habitual desde hai anos, cunha fotografía de Melchor, Gaspar e Baltasar. Unha instantánea que se repetiu en anteriores ocasións sen as consecuencias desta semana. No caso deste pasado martes 5, portaban un rótulo no que aparece a imaxe da Virxe Peregrina sobre o lema "Peregrina 2016. Felices Festas"; na parte central a lenda "Preguntáronme pola miña paixón e terminei falando de touros" e o logotipo da Coordinadora xunto unha imaxe de peñas taurinas no coso pontevedrés. 

Dita publicación na rede social chegou a coñecemento da Concellería de Festas. Desde este departamento municipal levantouse o teléfono solicitando que a fotografía fose retirada. Para evitar controversias non buscadas e evitar prexuízos a calquera das persoas que encarnan aos Magos en Pontevedra, desde a Coordinadora retirouse a cuestionada imaxe

A pesar de que para primeiras horas da tarde a situación quedara resolta, mediada a tarde, o colectivo Touradas Fora de Pontevedra, emitía aos medios de comunicación un correo electrónico facendo constar o seu rexeitamento á presenza de camelos ou cabalos na Cabalgata de Reis. De igual forma esixían ao Concello "que se desmarque e desautorice" a fotografía -que xa fora retirada do perfil- e unha vez máis, que se eliminase o convenio existente coa empresa propietaria da praza de touros. 

A chamada de atención do Concello tivo como consecuencia un regueiro de reaccións a través de foros sociais, tanto de detractores como de afeccionados taurinos. No primeiro caso recriminando a presenza dos Magos na instantánea e no segundo, con sorpresa pola deriva que estaba a ter unha felicitación sen máis pretensión que esa e sen manipulación nin retoque de ningún tipo. E a terceira pata en liza, Melchor, Gaspar e Baltasar que non participaron "con ningunha intención", máis que a de ser xenerosos con todo o mundo que cada véspera de Reis lles pide facerse unha foto.