O Concello ten en marcha máis de 5 millóns de euros en obras dos fondos FEDER

Pontevedra
28 de novembro 2018

O investimento global na Boa Vila superará os 10 millóns de euros procedentes dos fondos que reparte Europa

Inicio das obras na Rúa do Gorgullón
Inicio das obras na Rúa do Gorgullón / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra ten en marcha actuacións no ámbito urbano de máis de 5 millóns de euros da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado "+ Modelo Pontevedra", financiada polo Programa Operativo Plurirrexional de España, adscrito aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 da Unión Europea.

O investimento global na Boa Vila superará os 10 millóns de euros procedentes dos fondos que reparte Europa.

A concelleira responsable da xestión destes fondos, Carme da Silva, anunciou este mércores a adxudicación definitiva da reforma da ponte do Burgo a través da celebración dunha Xunta de Goberno extraordinaria.

Tamén destacou a importancia da obra de reforma do pavillón nultiusos da Xunqueira xa que supuxo un traballo inxente por parte do servizo de Deportes e dos clubes ao ter que recolocar a todas as escolas deportivas que se desenvolvían nesta instalación municipal.

A UTE Prace-Constructora San Emeterio é a adxudicataria desta reforma por 1.947.164 euros. A concelleira dixo que a obra é "moi complexa" e tamén "avanza a moi bo ritmo".

En canto ao proxecto do Gorgullón sinalou que a obra está sendo executada a "moi bo ritmo" pola empresa E.C.Casas dende primeiros de outubro cun orzamento de 1.258.629,17 euros e un prazo de execución de 8 meses.

Carme da Silva tamén se referíu á reforma do primeiro andar do mercado de abastos que está sendo executada pola empresa pontevedresa Acevi por 218.682,22 euros. O prazo de execución será de dous meses polo que se agarda que estea dispoñible despois do Nadal.

Con fondos europeos o Concello tamén financiou a xincana pola Illa das Esculturas, feita e aprobada en decembro de 2017. Esta actuación tivo un custe de 17.472,40 euros. E igualmente pagáronse con fondos europeos a compra de tres novos servidores e dous conmutadores de fibra da administración electrónica municipal, adxudicada a Econocom Servizos S.A. por 47.483,29 euros.

Na Xunta de Goberno extraordinaria deste mércores contratouse unha asistencia técnica á empresa EOSA para a xestión e promoción dos fondos FEDER. Foi adxudicada por 39.500 euros ao ano e por un período de 2 anos.

Carme da Silva engadiu que o Concello de Pontevedra todavía ten en carteira a reforma de Santa Clara: Redeira, o parque forestal da Tomba e o chamado núcleo de centralidade parroquial de Tomeza.