A Policía Local de Pontevedra podería contar moi pronto cun radar para controlar as velocidades excesivas que se seguen detectando en determinados puntos da rede viaria municipal. Así llo confirmou o Concello á asociación Pedaladas, nun escrito que acaba de recibir este colectivo que fomenta a mobilidade ciclista.
Pedaladas dirixiuse ao goberno municipal o pasado 23 de outubro para suxerirlles a compra deste radar, ao entender que unicamente con lombos non se está conseguindo que se cumpra a limitación de velocidade decretada para a cidade, os 30 quilómetros por hora.
Así, citando datos dos aforadores da Policía Local este colectivo asegura que na avenida de Lugo detectáronse velocidades de ata 103 quilómetros por hora, mentres que noutras zonas da cidade como a avenida das Corbaceiras alcanzáronse máximos de 89 quilómetros por hora.
Quince días despois da suxestión de Pedaladas, o intendente da Policía Local confirmáballes que a xefatura do corpo está a tramitar a adquisición deste radar, aínda que non desvela en que punto se atopa nin unha data aproximada na que se poderá materializar este compromiso.
Desde este colectivo aseguran que "temos claro que o radar non é unha solución", pero si afirman que será unha "ferramenta máis" para mellorar a seguridade viaria en Pontevedra, ao non existir actualmente ningún elemento disuasorio aos excesos de velocidade máis extremos.
Pedaladas sinala que mentres que a sociedade non asuma unha "responsabilidade colectiva" con esta materia e vexa a velocidade excesiva como un problema social, "teremos que conformarnos co medo á multa" para evitar que se produzan accidentes graves na cidade, xa que "unha vida que rompe non hai diñeiro que a compense".