O Concello ultima o protocolo para reabrir en outubro os centros sociais

Pontevedra
23 de setembro 2021

Nos próximos días será presentado o protocolo sanitario que ordenará as condicións de funcionamento dos 29 locais deste tipo que existen no municipio que permanecen pechados desde o pasado 14 de marzo de 2020 cando se decretou o primeiro estado de alarma. "Haberá noticias para a semana que vén por parte dos concelleiros responsables", anunciou Lores

Visita á sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que de maneira inminente reabrirán os centros sociais do municipio.

Nos próximos días será presentado o protocolo sanitario que ordenará as condicións de funcionamento dos 29 locais deste tipo que existen no municipio que permanecen pechados desde o pasado 14 de marzo de 2020 cando se decretou o primeiro estado de alarma.

"Haberá noticias para a semana que vén por parte dos concelleiros responsables", anunciou Lores.

"Para o mes que vén activaremos ese novo protocolo para poñelos en funcionamento en canto se poda", dixo Lores, "para o mes de outubro, se é posible antes de novembro estarán a funcionar", apostilou.

O Concello ten a titularidade destes centros socioculturais, aínda que a xestión corre a cargo de asociacións que organizan actividades de todo tipo, desde ioga, ximnasia, informática, encaixe de palillos, club de lectura, baile, manualidades, ou o simple pracer de falar e atoparse cos veciños.

En Galicia só están pechados os centros sociais daqueles concellos que se atopan en nivel máximo e alto. Pontevedra atópase en nivel medio-baixo polo que non existe motivo sanitario algún para impedir a reapertura destes locais. 

O propio conselleiro de Sanidade; Julio García Comesaña informou este mércores en Pontevedra que as agrupacións de persoas nos centros cívicos sociais tamén pasarán de máximo de seis a un límite de dez, sexan ou non conviventes.

NOVA SEDE DO GDR

Fernández Lores fixo estas declaracións nunha visita cos técnicos municipais á nova sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo, situada en Os Campos, na parroquia de Mourente.

O moderno edificio municipal, cunha especie de pel en forma de peche feito en chapa microperforada, acolle na súa primeira planta unha oficina para a xerencia, tres postos de traballo, unha sala de reunións, un arquivo e baños.

A planta baixa ten un concepto aberto e será un espazo de uso veciñal cunha sala de usos múltiples e unha sala de exposicións, entre outros equipamentos. 

A obra, cun custo superior aos 450.000 euros, foi asumida nun 60% polo Concello de Pontevedra e nun 40% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).